Wednesday 24 de April de 2024

O Ciclo Victoriano García Martí regresa á Pobra polo terceiro ano consecutivo


O municipio pobrense volve tributar unha homenaxe a un dos seus referentes literarios co 3.° Ciclo Victoriano García Martí, organizado pola Concellaría da Cultura, coa colaboración da Deputación da Coruña e da asociación cultural Barbantia; unha programación, que terá lugar nos inicios do mes de decembro, coa cal contribuír á posta en valor da figura e obra deste escritor, fillo predilecto da localidade.

A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), referiuse a este ciclo como unha forte aposta por parte da Área da Cultura para contribuír á visibilidade e divulgación de García Martí entre a veciñanza e darlle o sitio que merece no panorama cultural galego e, nomeadamente, no da Pobra. A este respecto tamén se referiu o resto de intervenientes, como Xesús Laíño, colaborador na elaboración da programación, quen fixo fincapé na necesidade de reivindica-lo legado do escritor, e o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, apuntou que a institución museística pobrense conta dende 2003 co groso da documentación que se coñece do intelectual e que foi depositado pola familia Bermejo Rubio, cuxa clasificación está a piques de concluír para pórse ao dispor das persoas investigadoras. Doutra banda, Manuel Teira, autor da imaxe que ilustra a cartelaría deste ano, referiuse ao proceso creativo na confección da lámina, a cal se inspira na personalidade e traxectoria de Victoriano, todo o cal se reflicte na riqueza de matices, fortemente cargados de significado.

Esta terceira edición concéntrase en dous días. No venres 3, ás 19.00 horas, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría impartirá a conferencia A xeración de Victoriano García Martí no Barbanza para dar paso, ás 19.30 horas, á presentación da lámina dedicada a García Martí da man do seu creador, Manuel Teira Luaces. E, na xornada do sábado 4, o grupo de baile e música tradicional Xiada realizará, dende as 18.30 horas, unha ruada por distintos lugares da vila para, ás 19.00 horas, efectua-la ofrenda floral ante o busto do escritor na propia praza García Martí. Posteriormente, Antonio González Millán ofrecerá o coloquio As obras completas de Rosalía de Castro nas cartas de Victoriano García Martí, ás 19.30 horas, e, por último, ás 20.00 horas, procederase coa presentación da edición facsimilar La tragedia del caballero de Santiago (1925), a cargo de Xesús Laíño Briones-Arén.

Agás a ruada musical e a ofrenda floral, tódalas citas se desenvolverán no Auditorio do Museo Valle-Inclán.